Tuesday 21 de May de 2024

O Concello de Neda organiza este sábado, na véspera da XXXIII Festa do Pan, a Ruta dos Muíños e o Festival Noite de Bolos


Arranca así o programa da cita, declarada de Interese Turístico de Galicia

A programación da XXXIII Festa do Pan de Neda, de Interese Turístico de Galicia, arranca xa este sábado coa celebración da Ruta dos Muíños do Belelle, co centenar de prazas ofertadas cubertas, e o festival musical Noite de Bolos, cun cartel de auténtico luxo.

Dada a alta participación rexistrada, haberá dous grupos para cubrir a Ruta dosMuíños. O primeiro partirá ás 09:45 horas e o segundo ás 10:15 h da Igrexa de Santa María para iniciar un percorrido a carón do curso fluvial do Belelle ata alcanzar a impresionante Fervenza, achegándose ás construcións vencelladas historicamente á elaboración do pan de Neda. Un itinerario no que se estima chegou a haber ata 40 instalacións entre muíños, fábricas e ferrerías. As persoas participantes poderán entrar en dous deles grazas á colaboración dos seus propietarios, Manuela Calderón Madueño e Xavier Pujol Álvarez -propietarios do Muíño do Carrizo-, e Aida Rubido Ramonde e Eduardo Dobarro Luaces -donos do Muíño do Cubo-. Unha oportunidade única de afondar na orixe da tradición panadeira da vila.

E xa pola noite, o paseo marítimo de Xuvia será escenario da Noite de Bolos. Un festival que, dadas as previsións meteorolóxicas, se realizará baixo carpa. Comezará sobre as 21:30 horas, cun cartel que aposta novamente pola diversidade de estilos. A banda local de rock Virginia Red será a encargada de inaugurar a cita, na que avanzará algúns dos temas do seu primeiro álbum. Tras eles, o grupo TanDub, un proxecto que fusiona a música tradicional Gnawa (Norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, drum&bass ou dub, mesturando instrumentos clásicos dunha banda, coa electrónica e instrumentos tradicionais marroquinos como o hajhouj ou as cárcabas. E como colofón ao festival, teremos a oportunidade de desfrutar da actuación dunha das bandas galegas máis recoñecidas dos últimos tempos, Lamatumbá, no seu regreso aos escenarios tras un parón de 12 anos. Referente da mistura de estilos e xéneros cos ritmos tradicionais galegos, son sinónimo de festa, baile, e ritmo.

Unha esperadísima actuación na que non faltarán os seus clásicos, como Licor Café, hoxe en día auténticos himnos.